ADRO

Os poetas pola nosa lingua

 

 

Lingua

Lingua dos meus abós
que non falan meus fillos:

¿quen te fixo cal fonte
xurdir dentro de min?

Lingua que fuches, eres
sangue de sangue, terra

feita de homes, homes
do mar e a terra, lingua

corrente, nidia, escura
coma o sol dunha sombra.


(Rodolfo Alonso) (1)

 

       O galego tamén está suxeito á relación de amor-odio. De amor á lingua, como "unha
das meirandes manifestacións do ser dun pobo", e odio, polo que supuxo a súa utilización
para o desprestixio dun pobo por parte de outros e, e esto é o máis triste, por parte de
nós mesmos.
       A forza evocadora e expresiva da poesía, foi espremida ó máximo polos nosos poetas
para manifestaren o seu amor pola lingua e, parafraseando a Curros, "crebaren as súas liras"
na defensa do galego. Rosalía de Castro e Manuel Lugrís referíanse ó galego como LINGUA;
Noriega, Lamas ou Curros achegábanlle o termo de FALA; para o mes- mo Curros e Pintos
tamén era IDIOMA, tal é como está a ser conside- ado pola maioría dos poetas actuais xunto co de LINGUA; Antonio de la Iglesia empregaba o termo de LINGUAXE e de "ACENTOS" falábanos Pondal, en clara referencia ó uso de aquelo que nos é máis noso por ser precisa- mente froito da comunicación máis directa entre nós.
       Para todos eles queda patente que o galego está a ser o elemento diferenciador, a
obra máis singular do pobo galego a pesar de termos sufrido os chamados "séculos escuros",
nos que quedou relegada ó uso oral e afastada da cultura oficial. E xa que estamos a falar
do pasado, débese facer honra a aqueles "ilustrados" do s. XVIII que, como o P. Feijoo e o
P. Sarmiento, aínda descoñecedores por entón da rica lírica medieval galego-portuguesa,
recoñécena e reivindícana como lingua propia de Galicia ou Diego Cernadas de Castro que
nas súas "Décimas do Cura de Fruime" vaise dirixir á Excma. Sra. Marquesa de Camarasa
dicíndolle que "vou en gallego a falarvos"... "de esta nación"... "si porque moyto dista,/
non a conocés de vista,/conocédea pol-a fala."
       Dende aquela, toda unha sucesión de poetas cantaron, louvaron, defenderon,
prestixiaron, sentiron e manifestaron nos seus versos a lingua galega como propia deles como galegos e mesmo poetas de terras alleas tiveron sentimentos semellantes como o inglés Gerald Dewnley ou a estadounidense A. M. Morris. Non faltarán tampouco voces que a entendan próxima do portugués pola súa orixe, que nos falen da súa historia, de polémicas ortográficas,da súa aldraxante marxinación, de motivacións para usala, de reproches ós que non a usan ou se avergoñan de facelo, do castrapo, da dignidade da lingua, do seu ser como símolo de identidade, da súa exaltación e louvanza e dos sentimentos de que somos en parte fillos dela e ó usármola nos reafirmamos na nosa
esenia de sermos galegos.


Do inédito "O galego na voz dos poetas" de Efrén Vázquez
 
(1)
   Publicado en "Galicia". Centro Gallego de Buenos Aires,
   (Diciembre, 1981). Recollido por X.A.Montero en "Lingua
   e literatura galegas na Galicia emigrante". Santiago,
   Xunta de Galicia, 1995. (páxs. 180-181)