Mixiricas e as Letras Galegas

por Efrén Vázquez

I I

A proba

 

  Unha vez quedou só, dentro daquela inmensa cova, Mixiricas dispúxose a buscar nela un lugar axeitado onde poder agocharse uns días mentres se preparaba para percorrer de novo aquela fermosa Terra. A verdade é que o estaba desexando, pois aínda gardaba ledas lembranzas da primeira viaxe, na que fixera bos amigos. Por outra parte, el ben sabía a competencia que había no seu mundo de trasnos para poder te-lo privilexio de estar onde el estaba. Non facía falta máis que votar unha ollada ás historias de trasnos e meigas, que estiveran nesta Terra e quedaran recollidas as súas fazañas e feitizos na literatura popular

Aquela cova era longa de seu e por todas partes penduraban e erguíanse estalactitas e estalagmitas, e innumerables gateiras tentaban ó visitante a se meter por elas. A pesares de que o seu sentido da orientación non era malo, debeuse perder por elas pois pasou percorréndoas, nin se sabe ben canto tempo. Metíase por unha cara arriba, saía por outra cara a abaixo. Logo era ó revés. Todas parecían iguais e distintas á vez. Entraba e saía ou saía e entraba, que non era quen de sabelo. Fíxoo tantas veces que chegou a dubidar de se estaba dando voltas ou aquelo non tiña fin. Algo de todo debeulle suceder, pois se ben estivo a dar voltas e máis voltas, tamén é sabido que non hai quen aínda coñeza ou teña dado coa fin da Cova do Rei Cintolo. Canso xa de vagar, deitouse no húmido chan. Foi entón cando escoito un ruído como se por alí preto pasara un río. Pensou en atopalo e segui-la corrente ata dar cunha saída, pero unha voceciña detívoo:

       - ¡Pensa en min!

Sobresaltouse ó se decatar que non estaba só naquela escuridade. Alguén máis sabía da súa presencia na cova e reclamábao. A voceciña semellaba dunha rapariga.

       - ¡Non me deixes aquí! -volveuse a oír.

Agora decatouse. Esquecérase de Artesa, que seguía a lle dicir

       - ¡Ti verás! Sen min non vas ir a ningures. ¿Acaso sabes o que tes que facer nesta Terra?

Tiña toda a razón. Mixiricas sabía que por si mesmo non había ser quen de emprender aquela segunda viaxe, e quen sabe se máis adiante, pero polo de agora Artesa era toda a axuda coa que podía contar.

       -Perdóame, pero o silencio da cova fíxome sentir na máis deliciosa soidade e esquecerme de ti.

       - Iso non é certo de todo. ¡Bo medo que pasaches! -espetoulle Artesa.

       - Deixémonos de andrómenas -cortou Mixiricas, non interesándolle quedar en evidencia ante Artesa.

       - ¡Está ben! -aceptou a caixiña- Pero xa vai sendo hora de que saiamos deste lugar -e continuou-: Para iso non temos máis que tirar sempre cara arriba.

       - ¿Cara arriba? ¿E por que non cara abaixo e segui-lo río que se escoita ó outro lado desa gateira? -retrucou Mixiricas.

       - ¡Estás tolo, ou que!  Dareiche tres razóns e asunto rematado. Primeiro, hai que dar con el, tarefa nada doada pois ata agora ninguén deste lugar foi quen de achalo. Segundo, se me metes na auga, estrágasme e logo que fas sen min. Terceira e última razón, se vés comigo ha ser cara arriba, senón cada un polo seu camiño.

Rematou Artesa estas palabras con tal enerxía que Mixiricas non se atreveu a dicir ren. El sabía ben que aínda era un aprendiz de trasno. Debería ter un pouco máis de coidado a próxima vez e non poñer en dúbida os consellos de Artesa. Así que seguindo o seu consello, meteu a caixiña debaixo do brazo e empezou a gabear sempre cara arriba, ata que deron cunha pequena burata de cor verdoso fluorescente. Ollou con curiosidade as paredes, o chan e o teito. Mirouno todo ata que puido albiscar como unha pinga tamén de cor verdoso estaba a piques de se desprender dunha diminuta estalactita. Comprendeu entón que algunha pequena corrente de auga se estaba a filtrar por unha fenda do terreo e atravesar unha veta dalgún mineral, que ó contacto co incoloro líquido adquiría aquela cor verdosa tan fermosa.  Artesa díxolle que aquel era o lugar sinalado para se preparar mentres non chegase o momento xusto de inicia-la súa segunda experiencia por esta Terra. Sen embargo, Artesa recomendoulle saír un pouco a toma-lo aire fresco, pois agardáballe unha proba, para a que lle facía falta estar ben espelido. Non se fixo de rogar e foi tirando cara arriba ata dar cunha saída ó exterior, eso si, tendo a precaución de ir deixando sinais no camiño para non se perder.

 

A pesar de ser xa de noite, non había tanta escuridade coma  no interior da cova. Unha fermosa e perfectamente circular lúa chea encargábase de que así fose. Mixiricas quedouse fitando para ela e mesmo semellou que ela tamén fitaba para el. Incluso por un intre pareceulle que lle chiscara un ollo. ¡Non podía ser!, pensou. Pero, certo ou mentira, a el gustáralle a idea de que fose posible. E así ensimesmado, pasou a noite enteira na entrada da cova. Chegou a sentirse tan ben que mesmo tivo desexos de ser poeta para poder compartir aquela experiencia tan pracenteira cos trasnos novos, cando voltase ó seu verdadeiro mundo. E, por se iso fose posible algunha vez, colleu un garabullo e deixou que o seu pensamento fose guiándoo e, de tal xeito, foi escribindo no brando chan estes fermosos versos:

 

                                          Aloumiño de augas quedas,

                                     tempo de vagar da estadea,

                                     reflexo do branco luar,

                                     ollo da noite serea,

                                     vagalume circular,

                                     a lúa chea.

 

       -¡Bravo! ¡Bravo! -exclamou Artesa-. Non sabía das túas cualidades como poeta. ¿Déixasme que os aprenda?

       -¡É para min unha honra! -respostoulle Mixiricas, ó que lle chegaron a asomar as cores na meixelas.

       -Non quero interrompe-la túa inspiración, pero cando o consideres oportuno deberiamonos pór os dous, canto antes, a prepara-la túa nova misión.

       -¡Quizais teñas razón! Baixemos logo á burata verdosa.

Os dous foron seguindo os sinais deixados na subida ó exterior e axiña chegaron ó lugar sinalado. Unha vez alí, Artesa non perdeu tempo e fixo o que tiña que facer. Fixo o que lle encomendaran os Vellos e Sabios Trasnos e, dirixíndose a Mixiricas, díxolle:

       - Se estás preparado heiche facer unha proba tipo test.

       - ¡Non me digas que me vas examinar! -retrucou en ton de reproche Mixiricas.

       - ¡Veña! Déixate de reproches e non mo poñas difícil. Ben sabes que tes que facelo se queres que eu che sirva de axuda

Logo duns minutos de certa tirapuxa entre os dous, Aresa fixo xirar as súas catro fechaduras, cada unha da súa cor. Abriuse por completo e amosou un vedraño pergameo selado con lacre.

       - ¡Cólleo e ábreo!

       - ¡E rachar este selo tan bonito cunha "cruz de Santiago"!

       - Non teñas mágoa, pois xa cumpriu a súa misión de manter secreto o contido da túa proba de iniciación. Agora terás que demostrar o que aprendiches e lembras da túa anterior viaxe!

       - ¿E logo o da cruz que significado ten?

       - O seu contido, ó parecer, ten que ver coa capital desta Terra. Así que ánimo, pois unha vez que o superes es libre para ir onde queiras e cando queiras. Eu estarei sempre á túa enteira disposición -dixo agarimosamente Artesa e continuou-: Aquí tes algunhas preguntas, que ti debes lembrar pois xa estiveches diante do esplendor do Pórtico da Gloria.

 

1- ¿Por que é de diferente época que a catedral?

     s) Porque non lles chegou o presuposto.

     r) Por que está construída sobre a "Catedral Vella" do s.XI.

     p) Porque unha epidemia mermou o número de obreiros.

 

2- ¿Que representa a figura onde se dan os croques?

     o) O Apóstolo Santiago.

     c) O Mestre Mateo.

     m) O bispo de Iria, Teodomiro, que descubriu o sepulcro.

 

3- ¿Quen foi o Mestre Mateo?

     o) Arquitecto que xa no 1161 realizara a Ponte de Cesures.

     e) Un sobranceiro mestre de escola en Santiago.

     m) Un bispo que se preocupou por "moderniza-la catedral".

 

4- ¿En que época foi construído?

     t) No século IX.

     m) A finais do século XII.

     p) No mesmo século que o Hostal dos Reis Católicos.

 

5- ¿Por que di a tradición popular que debemos choca-la cabeza coa do "Santo dos Croques"?

     c) Por que era unha forma de saúdo.

     v) Para que nos transmita a súa intelixencia e xenialidade.

     t) Para gañármo-lo xubileo.

 

6- ¿Con que obxectivo foi construído?

     v) Co de facer un novo máis acorde cos gustos da época.

     b) Co de sobresaír sobre os outros edificios da Praza.  

     a) Co de soste-la fachada do Obradoiro.

 

7- ¿Que instrumento están a toca-las dúas figuras xuntas, enriba do Pantocrátor?

     c) Un piano

     l) Un aparello para afinar os instrumentos musicais de corda

     p) O "organistrum" ou zanfoña

 

8- ¿De que estilo é?

     c) Románico

     b) Oxival

     v) Barroco

 

     Tan pronto como Mixiricas deu coas respostas axeitadas, botou a correr de contento polas distintas galerías da cova, dando pinchacarneiros e berrando ¡O cen por cen! ¡O cen por cen!.  Artesa que tal escoitou, e que non agardaba que Mixiricas dera tan axiña coas solucións, foi tras del e deténdoo espetoulle:

       - ¡Non o creo!

       - ¡Pois xa podes ilo crendo!

       - ¡Iso hai que o comprobar! -retrucoulle Artesa-. ¡Veña! Pon o pergameo coas túas respostas no meu interior e xa veremos.

Así o fixo, pero antes escribiu algo nel. Artesa pechouse polos catros costados e empezou a renxer e fumear. Estaba comprobando unha e outra vez  a vedraña vitela, mais non era quen de descifrar aquelas respostas. Artesa agardaba atopar as respostas sinaladas con a) b) c) e o que alí aparecían eran outras letras que semellaba non teren sentido. Non lle quedou máis remedio que recurrir a Mixiricas.

       - ¿Que fixeches demo de trasno?

       - ¡Simplemente respostei ó que se me preguntou! -contestoulle Mixiricas cun sorriso burlón.

       - ¡Contestarías, home, contestarías!

       - ¿Home eu? ¡Artesa estás a tolear! ¡Sonche un trasno! -sentenciou Mixiricas en ton retranqueiro.

       - ¡Home ou trasno. Ou ó revés. Tanto me ten. Pero dime que fixeches no pergameo que non son quen de descifrar!

Mixiricas calou e quedou mirando para ela sen pestanexar. De alí a un pouco espetoulle en ton irónico:

       - Estaste poñendo verde, Artesiña. ¿Éche pola rabia ou polo reflexo da cova?.

       - Pensa o que queiras. ¡Esta hasma pagar!

       - Non te poñas así, mulleriña, que non aturas unha broma. Simplemente cambiei as letras polas iniciais dos lugares onde naceron os escritores ós que esta Terra dedicou o Día das Letras, pero nada máis. Así teño unha pequena referencia para non me perde-la visita de ningún deles.

       - ¡Catano! ¡Xa verás cando eu teña a tixola pola man!

       - ¡Non rifes comigo! Só quixen gastarche unha broma.

       - ¡Que sexa a última vez que que o fas! Agora vai sendo hora de que nos poñamos ó que nos temos que pór.

       - Solta axiña as instruccións que os Grandes Trasnos che deron para esta segunda andaina nosa.

       - Sonche moi sinxelas. Só temos que visitar eses lugares que me fixeches buscar e que ti ben sabes.

       - ¡En marcha! -dixo ó punto Mixiricas, dando saltiños cara á saída.

       - Acouga, ou é que sabes por onde empezar.

       - Está ben claro que polo que temos máis cerca, Mondoñedo.

       - ¡Que listo es! ¿E por cal seguirías? -preguntoulle Artesa en ton irónico.

O rabiño do trasno deu en pórse verde, que dentro daquela escuridade mesmo semellaba fosforescente. Esto dáballe moita rabia, pois sucedíalle cando quedaba sen saber que responder. Algo parecido ó que lle sucede ós rapaces na escola cando non saben o que o profesor lles pregunta, que a eles arróibanselle-las fazulas.

      - ¡Tranquilo!  -díxolle a caixiña con agarimo, e engadiu-: Que para iso estou contigo e teño instruccións precisas. Só tes que te enterar un pouco do escritor ou escritores que neles naceron.

       - ¡Xa! Pero, ¿como saberei cal será o seguinte, e o seguinte e o outro e o de máis alá ....?

       - Abofé que será moi doado, mais non te debes despistar. E, sobre todo, que non che dea por facer máis trasnadas. ¡Esquecíaseme! Debo dicirche que non estaría de máis que foras anotando os datos que de cada un vas conseguir. ¿Quen sabe se che farán falta para, ó final, poderes resolver A Grande Proba?.

       - ¿De que se trata?  ¿De que se trata?  -apremiou Mixiricas

       - Non te adiantes ós acontecementos, cada cousa ó seu tempo.

       - ¿E poderei coñecer ós escritores desta Terra?

       - Por suposto. Para iso os Grandes Trasnos te mandaron a ela. Oportunidade como esta poucos trasnos tan novos coma ti a poden ter.

       - ¿Non será para tanto?

       - ¡Será! ¡Será! Que unha vez que o consigas eu non te volverei a ver, xa que terei que servir de axuda a outro novo. Pero non nos poñamos tristes, polo menos antes de tempo. Estou aquí para te axudar e é o que vou facer. E por se non o sabías, poderemos contar tamén coa axuda dos dous raparigos, Anxo e Uxío. Sempre e cando os seus labores na escola llo permitan.

Aquelo si que puxo ledo a Mixiricas que, collendo a feituca caixiña baixo o brazo dereito, saíu da cova a fume de carozo, como din por estas terras, e botouse a rolos e pinchacarneiros pola aba do monte abaixo ata chegar onda o río. De alí ata a Ponte Vella de Mondoñedo pouco lle levou.

Mentres tanto, noutro lugar os dous raparigos,  netos daquel conductor que un día levara a Mixiricas ata Santiago, disfrutaban dos últimos días das vacacións dun longo verán, coa esperanza de ser compañeiros dun trasno durante algunha xornada.

.Continuará