|
Mixiricas e as Letras Galegas por Efrén Vázquez |
|
I O retorno |
|
Alí estaba sentado aquel velliño, á porta traseira da casa e baixo a mesta parra que o protexía daquel sol de agosto. Tiña postos uns anteollos de fina montura metálica a xogo coa cor cincenta dos seus miúdos cabelos e ben recortada barba. Noutrora fora taxista e mais conductor de coches de liña, que levaban e traían xentes ó longo do percorrido entre Ourense e Santiago. Retirado xa, disfrutaba dun dos seus preferidos pasatempos, restaurar e ler libros vellos. E iso era, mesmamente, o que nestes intres estaba a facer. Apoiado cara diante, cos cóbados nunha pequena mesiña e os anteollos a medio camiño no nariz, sostiña na súa man esquerda un pequeno libriño, feitucamente encadernado en vitela avellentada. Aínda que con aspecto de ben conservado, a penas se podían enxerga-las letras que no seu canto foran escritas con firme pulso e en tinta negra. El ben sabía de que libro se trataba, pois mercárao cando era mozo na feira de Santos en Monterroso, por tres reais; reais que gañara apañando no "grao do corvo" mentres os maiores andaban nos labores da seitura. O libriño en cuestión pasara dende aquela perdido entre outros moitos exemplares que el fora conseguindo, e que hoxe se amontoaban nos innumerables andeis que cubrían as paredes da casa, agás na cociña e no cuarto de baño. Agora dende o seu retiro, era cando dispuña de tempo para ilos disfrutando un a un. Este
que tiña na man era unha pequena xoia bibliográfica. Pasoulle un paniño
lixeiramente húmido e unha vez limpo apareceron máis nidias as letras do lombo:
"FLOREZ - España Sagrada". Abriuno, xa que logo, con moito tento,
por se a couza ou mesmo o paso do tempo estragaran os fíos que xunguían as
follas. "Está moi ben conservado", pensou con ledicia. Tratábase do
codiciado tomo XV da "España Sagrada" do P. Florez, publicada en
Madrid no ano MDCCLIX, no que se describía a "antiga provincia de
Galicia".
Seguiu metodicamente a operación de limpeza e, co pincel que sostiña
entre os dedos matapiollos e furabolos, foi folla por folla retirando
calquera resto de po ou lixo e de vez en cando desdobrando algunha páxina
enrugada polo uso ou como sinal de lectura. Ademais non amosaban marcas de
dedos, unha das cousas que máis lle amolaba ver nun libro.
Estábao pasando en grande, alternando a tarefa de restauración coa
lectura dalgúns parágrafos, aproveitando os intres en que lle tiña que dar un
descanso ó seu brazo dereito. Facía unha lectura moi pausada, pois tiña a
vista xa un pouco cansa, propio da idade. Así entre outras cousas puido ler
que o Medulio, ese monte onde morreran tantos galegos antes de se renderen ó
poder de Roma, "es más abajo de
Ponferrada en la entrada de Galicia, donde llaman las Médulas, o Sierra de
Mamed, sobre el rio Sil, que es el Minio de los antiguos." Ás
veces tiña a sorte de atopar dentro do libro algunha marca coa que algún dos
propietarios ou lectores anteriores sinalara o lugar onde continuar coa
lectura en mellor ocasión ou tamén porque "algo" daquela páxina
chamáralle a atención. El xa atopara moitas destas "marcas" e,
nalgunha ocasión, incluso de certo valor coma selos de correos antigos, unha
foto, algún manuscrito curioso, ... ou calquera outro pequeno obxecto do que,
nun intre de interrupción inesperada o lector votara man. Tamén tiña atopado,
e de feito xa dispuña dunha interesante colección, marcadores de prata, de
tea, de cartón, de cordonciño, de propaganda, de tódolos tamaños e formas. Unha
refacho de aire morno alborotoulle as follas finais do libro, polas que aínda
non pasara o seu pincel limpador. De entre elas saíu voando un papeliño que ó
pouco foise pousando ós seus pés. ¡Xa me parecía que algo tiña que
haber!, pensou para si. Coa impaciencia e curiosidade lóxicas, por ver de que
se trataba, agachouse para coller aquel papel que amosaba un enorme 4.
Pertencía a un deses almanaques de parede, chamados "de taco", dos
que se ía retirando unha folliña por día. A súa faciana amosou un xesto de
certa desilusión. Folliñas coma esa atopara milleiros e todo o que de
atractivo podían ter era o "santoral" do día e algún pasatempo,
refrán, frase célebre ou mesmo receitas de cociña,... na súa parte posterior. A
verdade é que os brazos íanlle cansos, un de soster con firmeza e delicadeza
a un tempo e o outro de pasear con agarimo o pincel por riba de todas e cada
unha daquelas páxinas dun papel incriblemente branco, sobre o que resaltaban
as liñas impresas con extraordinaria nitidez, para ser un exemplar do ano
1759. Aproveitou para curiosear o que acompañaba aquel 4, que enchía case as
tres cuartas partes do papeliño do tamaño da súa palma da man. Nel figuraba o
mes de abril e o día da semana, venres, pero non aparecía o ano. O tercio
restante estaba ocupado polo santoral: Bieito, Isidoro e Zósimo. Deulle logo
a volta e sentiu un certo desencanto ou frustración. Alí non había ningunha
nota manuscrita, que lle puidera dar pistas sobre quen ou por que alguén
usara esta folliña como marcapáxina. Só tiña un pasatempo. Para máis mágoa
non soubera de que lugar caera. ¡Que se lle vai facer!, pensou, e con
resignación púxoa de novo sinalando, desta vez, a páxina onde debería
reanuda-la tarefa restauradora. ¡Por hoxe xa está ben! -decidiu.
Ademais o po provocáralle un certo malestar nos ollos. Neses ollos cansos
daqueles anos mozos de esmorga cos amigos, de tanta vida de traballo co
autobús polas feiras e logo co taxi, sempre indo e vindo por onde querían os
demais, coa ilusión de lle dar ós fillos o que el non puidera acadar... e,
agora, xa tiña netos.
Sentíase certamente canso e sen saber como os pensamentos marcharon,
ou acompañárono iso só saberao el, mentres se foi quedando durmido. Sóubolle
a gloria, aínda que non foi moito tempo. Alí estaban os dous netos, un por
cada brazo, tirando del. - ¡Agustín! ¡Agustín! ¡Caeuche o libro! - Graciñas,
pequenos...pero ¿onde vai a marca que deixei nel? - ¿Refíreste á folliña do pasatempo? - ¡A mesma! -medio berrou alporizado-. ¡Agora como vou saber
onde seguir limpando! ¡Por que tedes que andar nas miñas cousas! - Só
che recollemos o libro do chan, a folliña xa estaba fóra ó seu carón, e como
tiña un pasatempo puxémonos a facelo, mentres ti seguías a durmir. -
Está ben, -consentiu, xa máis cariñosamente, ó comprobar que non mentían. - ¿Déixanolo seguir facendo? -
Sempre que vos poñades agora e non molestedes a avoa, que está a prepara-la
cea. Anxo
e Uxío, miráronse un para o outro e sen perder un segundo deron en cavilar
coa solución do pasatempo. |
|
"Logogrifo numérico" 1 * 2 3 * 4 $ 3 *
...........................
(relativo ó inverno) & 2 5 $ 6 2 @ 7
.........................
(insecto con nome de muller) 8 * @ 2 & 4@
....................
(edificio relixioso) & 9 6 $ 8 @
.................... (a
muller de El-Rei) 6 @ & 4 @
...............
(terra rodeada de mar) & 7 7 @ ....... (morada de Deus) : $ * ........ (co que voan os paxaros) @ 0 ... (letra de plural) 0 |
|
Certo é que o avó pensou en ter entretidos
ós netos ata a hora da cea, mais non foi así pois ó pouco tempo un estróupele
polo corredor foino avisando de que se achegaban a todo correr. - ¡Avó! ¡Avó! ¡Xa temos a solución! -dixeron a unha. Alí tiña
diante aquelas dúas facianas ledas e satisfeitas de teren acadado a proba,
amosándolle o papeliño con algúns borróns, pero completamente resolto. -
Ben rapaces, imos ver se ademais está ben feito...
Agustín foi percorrendo cos seus olliños doces, asentindo ó remate de
cada unha das palabras como sinal de conformidade. - ¡Si señores! ¡Sodes incribles!
Calou e quedou coa mirada perdida, nin se sabe onde, ata que semellou
volver á realidade. - Se
souberades os recordos que me traen ó maxín algunhas destas verbas. Hai algo
nelas case misterioso que non acabo de enxergar. - ¿Que é? ¿Que é? -
Deixádeme ata mañá -case suplicou-. A
estas horas do día xa vou canso, pero ben seguro que co espertar do novo día
hei ve-las cousas máis claras. Unha
voz dende a cociña puxo remate á conversa: - ¡Veña a cear! A
avoa Medina tiña preparado aquelo que máis lles gustaba, tortilla de pan e
plátanos fritidos. Ante tal oferta os rapaces aceptaron, sen máis insistencia,
a suxerencia do avó. - ¡Mañá será outro día se Deus quere! -sentenciou Agus. O
canto do galo xunto co chiar dos paxariños, en lugar do bruar dos coches
polas rúas da cidade, foi o que os espertou aquela mañanciña. Era un pracer podérense
erguer sen senti-la luz feridora da lámpada do teito. As primeiras raiolas
furando as regañas das contraventás cruzaban a habitación alumeándoa como se
foran os focos dun circo na procura dos trapecistas. - ¿Cantos do noso cole terán, coma nós, a mesma sorte de pasar uns días
na aldea cos avós? -preguntouse en
voz alta Anxo ó tempo que se erguía da cama e tiraba do cobertor para que seu
irmán tamén o fixera. -
Non teñas tanta présa, que é moi cedo e o avó aínda estará durmindo. -refunfuñou
Uxío con voz rouca. -
Pois espertámolo e xa está. Hoxe quedou en dicírno-lo que lle impresionou do
pasatempo. Anxo
era todo impaciencia e, logo de se lava-la cara "coma os gatos",
foi cara a habitación do avó e petou cos cotelos na porta. Primeiro moi a
modo, como non querendo molestar, pero ó ver que non contestaba petou máis
forte. Repetiu os golpes na porta ata que chegou seu irmán berrándolle: - ¡Non sigas, pedazo de besta! -
Pero e se están dentro e se atopan mal e por iso non contestan -reprochoulle
Anxo. - ¡Ti si que estás mal! Anda, vén comigo, que onde vai que xa se
ergueron e están traballando na horta. O
renxer da porta alertounos de que alguén entraba na casa. Eran Agus e Medina
que xa voltaban. - ¡Bos días! ¡Durmistes ben! ¿Nonsi? - ¡Hola avós! ¡ Agus, Agus,... quedaches en que nolo contarías
hoxe! -berraron a dúo Anxo e Uxío. - ¡Veña á mesa, e que volo conte mentres almorzades! -suxeriu a avoa
Medina.
Chocolate ben espeso, dese que terma dunha culler dereita no medio da
cunca, e pauciños de pan fritidos con azucre. Só ela sabía facelos tan ben. - ¡Veña, almorzade ben que imos ir de viaxe! -anunciou o avó. -
Pero non nos ías contar.... - Precisamente
diso se trata, e polo camiño xa vos iredes enterando. Ó
remataren o almorzo, colleron o coche e saíron sen saberen cara onde se
dirixían. Ó pouco, os dous, no asento traseiro, deron en se mirar o un ó
outro e poñer caras de decepción. Estaban a pasar por Guntín e pouco despois
deixaban atrás o Alto do Picato. Así pois estaban camiño de Lugo, e iso era o
que facían moitas veces, pois alí tiñan os avós un piso. ¿Onde nos levará? -pensaban os dous, cada un polo seu lado. Non se
atrevían a preguntarllo. Agus, pola súa parte, ía observando polo espello
retrovisor a cara de desencanto dos dous netos. Ata chegar a Lugo, ninguén
abriu a boca para dicir nada. Cando deixaron Lugo atrás, Agus aproveitou para
romper aquel silencio: - ¡Ben rapaces! É o momento de saberdes a onde imos. ¿Algún de vós sabe onde queda Meira? - Na
escola dixéronnos que alí hai un mosteiro cisterciense cunhas ferraxes
medievais moi bonitas na porta. -respostou Anxo.
Houbo un silencio ata que de alí a un pouco, Uxío, que tamén quería
facerse valer e non quedar de ignorante, dixo que a profe lles contara que na
Serra de Meira era onde nacía o río Miño. - Xa
vexo que sodes uns alumnos moi aplicados -dixo Agus, e continuou-, pois Meira
queda camiño de Mondoñedo e é alí a onde imos. ¿Non lembráde-lo
pasatempo que fixestes onte á noite? - ¡Si, si! Mondoñedo era a primeira palabra que tivemos que buscar
no "Logogrifo numérico" -dixeron os dous a un tempo. - ¿E a que imos aló? -preguntou Uxío, que non acababa de ver clara a
relación. -
Mirade xa é hora de que coñezades unha pequena historia que me aconteceu hai
tempo, cando andaba de conductor. Un bo día, á altura do Pico Sacro, chegando
a Santiago recollín a un viaxeiro moi especial, que resultou ser un trasno.
Os dous faciamos bo xugo e contoume que viñera a Galicia por primeira vez coa
intención de coñece-las capitais do Antigo Reino de Galicia. Dende aquela non
volvín saber máis nada del. - ¿E que ten que ver iso con que vaiamos a Mondoñedo? -preguntaron os
dous, pois cada vez entendían menos. -
Non vos impacientedes e lembrade o pasatempo que fixestes onte. Poida que
sexa unha casualidade ou non. -
Aquí o teño, no peto cueiro do pantalón -dixo Uxío orgulloso. - ¡Ben! ¡Ben! Iso é ser precavido e ha te-la súa recompensa -sentenciou
Agus-. Lede o nome que se forma coas letras iniciais de cada unha das
palabras que tivestes que averiguar. -
M... I... -foi deletreando Anxo. -
X... I... R... I..... -continuou
deletreando Uxío. -
C... A... S -deletrearon os dous. -¡Mixiricas! ¡Iso é, Mixiricas! -exclamaron os dous a un tempo e
volveron repetir entusiasmados: - ¡MIXIRICAS! - ¡Vale! ¡Vale! Non fai falla que berredes tanto. Ese era o nome daquel trasno
e poida que Mondoñedo sexa onde atopemos rastro del. Esa é a corazoada
-díxolles Agus.
Entretidos na conversa foron pasando os quilómetros e cando se
decataron xa estaban nos derradeiros altos da Serra de Lourenzá e á esquerda
albiscábase o val de Mondoñedo. Xa coñecían Mondoñedo, pola catedral, pola
historia do Mariscal Pardo de Cela e
a Ponte do Pasatempo, polo Rei das Tartas que xa morrera pero que deixara en
boas mans a receita, e polas covas que hai en Argomoso. A máis grande e
famosa é a chamada do Rei Cintolo. Ata ela foron coa idea de atopar algunha
pegada daquel trasno chamado Mixiricas, pois tratándose de cousas de
encantamentos, xa "O Ciprianillo", ese libro fundamental para a
busca de tesouros en Galicia, sinala
que "tódolos tesouros e encantamentos do Antigo Reino de Galicia
foron depositados polos mouros e romanos en agochos soterrados".
Deixaron o coche ó comenzo da aba do monte. A medio camiño da cima
abríase a burata de entrada ata a que tiveron que subir a pé. Non se
atreveron a entrar por dúas claras razóns: unha, que estaba pechada cunha
reixa de ferro e, outra aínda máis poderosa, que non levaban os aparellos
propios dos espeleólogos. Mais non se achegaran ata alí para dárense a volta
sen máis, así que se lles ocorreu, na mesma boca da cova, sobre o chan,
debuxa-la estrela dos esconxuros que o avó Agus lembraba ter ollado nalgunha
edición daquel libriño para atopar tesouros. |
|
|
|
Alí non sucedeu nada, como era de esperar, pois
as cousas de encantamento "van polo aire e veñen polo vento". E
polo vento veu unha voz que o eco foi repetindo polo val: - ¡Agardade que agora vou! ¡
......que agora vooouuuuuu! ¡........vooouuuuuu! A
penas se deixara de oír cando unha brisiña, acompañada de certo cheiro a
xofre, saíu da boca da cova precedendo á aparición dunha pequena figura, que
de non ser polos pequenos corniños e curto rabiño, semellaba mesmamente a dun
raparigo espido. Espido non, que levaba unha cunchiña de vieira tapando as
súas partes. -
Aquí me tedes, e ben agradecido, que de non ser polo voso esconxuro non tería
atopado o lugar preciso por onde abandonei esta Terra hai tempo. - ¡Mixiricas! -exclamou Agus, recoñecéndoo e dándolle unha aperta monumental. - ¿Son teus netos? ¡Encantado! -dixo ó tempo que lles chiscaba un ollo. - ¿E logo que che trae por aquí
de novo? -preguntou Agus. -
Dende que deixei esta Terra, hai xa algún tempo, levo dándolle voltas con vir
a coñecela mellor. De coñecer algúns dos moitos tesouros que agocha. - ¡Xa compartirás algún! -espetoulle bromeando o avó. - ¡Non! Non son deses nos que ti estás pensando. Os que eu busco están ó
voso alcance xa, e ademais ti, Agus, es afeccionado a eles. Sonche os libros.
Os libros que teñen algo que ver con esta Terra. -
Entón conta coa nosa axuda -dixeron os tres a un tempo. -
Con ela contaba, pois como podedes sospeitar, non chegastes ata aquí por
casualidade. - ¡Catano de trasno! ¿Non che era máis doado vir á nosa casa? -reprochoulle o avó
cariñosamente. - As
cousas sonche como son e moitas veces non como nós queremos. - ¡Que mágoa! -exclamaron os netos-.
Pensabamos que nos poderías axudar no cole, con algún dos teus poderes. -
Mirade raparigos, as cousas valen o que custa conseguilas. E para que vexades
que non é unha desculpa, preséntovos a Artesa, que tamén me acompañará na
miña segunda viaxe por esta Terra. - ¡Pero se é unha caixiña nada máis! -exclamaron desencantados, pois
agardaban que aparecera unha fada ou algo parecido-. ¿Que ten dentro? ¡Pouco pode coller de pequena que é! - Os
grandes tesouros non vos son os que avultan máis. Esta caixiña, Artesa, si
que ten poderes. Ten o poder de me axudar a aprende-las cousas. Aí téde-lo
mellor tesouro ¡O Saber! -sentenciou. - ¿Así que os libros serán para nós o que Artesa para ti? -
Comprendéstelo ben. E agora, se mo permitides debería retirarme a descansar.
Gracias de novo. Xa teredes noticias miñas. Unha brisiña e un cheiro xa coñecido volveron face-la
súa aparición ó tempo que Mixiricas se perdía na escuridade da cova.
Agus, Anxo e Uxío volveron para casa onde xa a avoa Medina os agardaba
coa cea feita. Por máis que preguntou onde estiveran non lle dixeron
nada, pois seguro que pensaría que lle contaban unha trola ou que estaban
tolos. Aínda que, ben pensado, ¿non sería todo froito do maxín do avó Agus?. Coa
dúbida, co cansazo e ben ceados, fóronse deitar. |