|
|
Efrén Vázquez
Palabras
e signos na Rede
"O trazo do debuxo e a mancha dos tintes naturais asociouse
axiña coa construcción de relatos máxicos ou cotiáns.
As escrituras pictográficas a sumeria, a exipcia, a chinesa,
a hitita, a maya ou a zapoteca- desenvolvéronse moi probablemente
a partir de signos e símbolos abstractos e de pinturas esquemáticas
descriptivas coma a mesolítica de España ou a neolítica de Anatolia.
A ligazón do trazo do pintar co trazo do dicir acentúase ata a confusión."(1)
O
texto co que me atrevo a presentar esta páxina seméllame o
suficientemente sinxelo e elocuente como para que poidamos compartir
a idea de que linguaxe e pintura, palabra e imaxe, estánse
a complementar e, hoxe no mundo telemático, a capacidade representantiva
da imagen non só é empregada senón que se está
integrando na propia linguaxe coma un significante máis. O aforismo
de que "unha imaxe val máis que mil palabras" tense empregado
para introducir determinadas imaxes (símbolos) na linguaxe e así axilizar
a súa escritura nun medio no que a producción de textos sobrepasa
con moito calquera espectativa.
Estamos diante da revolución telemática. Os ordenadores están a
ocupar un lugar importante nas nosas vidas, non xa como máquinas
universai senón como instrumentos de comunicación. Permítennos
realizar múltiples operacións a velocidades ao límite da
da luz, con memoria portentosa, pero nada fan que non fora xa programado
previamente polo home. Non son quen de crear. Se o home
está, en parte, condicionado polo seu código xenético, os ordenadores
o están pola utilización que o home faga deles e a capacidade combinatoria
de díxitos dos seus cerebros de silicio. Seguindo a Javier
Echeverría(2), movémonoss
nun entorno no que non se fai necesaria a nosa presencia, senón
a nosa representación a través da linguaxe dixital.
A velocidade coa que se transmiten na rede e a cantidade de producción
de textos, imaxes, sons, etc... fai que desenvolvamos todo un código
paralingüístico que nos permita contrarrestar esa morea
de información. Se a lectura cansa, a abundancia de texto
non digamos; prefírese logo o significado resumido e fulminante
da imaxe sintética. Esta fascina e seduce, pero tamén nos priva
da necesaria reflexión que nos permita asimilala. Estamos diante
dun acto cognoscitivo complexo no que comunicación e aprendizaxe
son elementos, segundo Mario Kaplún, dun mesmo proceso de análise
e reflexión combinados coa producción e maila expresión, esenciais
para desenvolvermos unha comprensión personal e a formulación dun
pensamento propio da nova información.
Linguaxe
e ordenadores
Debemos ter en conta que esa nova información estanos a chegar a
través de ordenadores e máquinas que debemos manipular. O seu emprego
require múltiples destrezas, pero segue sendo fundamental a linguaxe.
Moitos dos mandatos se activan a través de determinadas palabras
como imprimir, formatear ou reiniciar,
por citar algún, e son moitas as utilidades de usuario e
incluso de programador as que requiren o emprego do teclado co que
escribimos palabras. Alguén podería dicir que co rato
ou o lápis óptico xa non será necesario escribir, o cal
pode ser certo en primeira instancia, pero a súa utilización
permítenos sinalar e compor palabras, imaxes,
iconos, etc.. que mediante un programa crean textos ou representacións
que logo se poderán ler.
O usuario non ten por que coñecer a linguaxe-máquina, o mesmo
que un mecanógrafo non ten que saber como funciona internamente
a máquina de escribir. Si debe saber utilizala e polo tanto coñecer
os símbolos que activan a máquina ou que activan o ordenador. Na
informática a linguaxe tórnase frío ao non requerir a coincidencia
en tempo e/ou a presencia real dos interlocutores. Os textos, mensaxes
e informacións que producimos espállanse
pola rede e non temos a certeza de que quen as lea as interprete
tal e como desexaríamos no intre de emitilas. ¡E sen posibilidade
de explicármonos!
Metaforicamente poderíamos falar de discursos fríos. Como
dicía Rabelais, no intre de seren pronunciadas as palabras, e debido
ao frío do ar, quedan xeadas e xa non se escoitan máis, e que lentamente,
coa calor, empezan a gotear en sons fragmentarios e inconexos. Así
pódennos parecer algúns textos tirados de chats,
correo electrónico, grupos de noticias, etcétera.
Ou coñecemos moi ben o contexto da súa producción
e posta na rede, ou podémonos perder diante textos e informacións
fragmentadas. E iso sen termos en conta que xa de por si "toda
linguaxe non é senón unha proxección dun esquema discontinuo
sobre unha realidade continua, polo tanto os diferentes idiomas
humanos e non me refiro só ás linguas naturais- tentan
dicir a realidade ou nomeala. Tentan reducir a esquemas discontinuos
a continuidade do universo."(3)
Discontinuidade da linguaxe
É precisamente
esa discontinuidade da linguaxe a que cos novos medios pódese
facer máis patente, pois non dá tempo á reflexión,
á verificación, á asimilación da información e á
consolidación do coñecemento. Segundo o profesor Carlos Busón(4), este está a ser o grande reto da educación, o fomentar
unha actitude crítica e práctica con estes novos medios.
Debemos ter en conta ademais
que a linguaxe está en continuo cambio. Cambios que haberán de ser
acordados para que aseguren que as mensaxes sexan correcta e igualmente
descodificadas polos potenciais receptores en calquera punto da
rede. Coseriu (5) xa acertaba a sinalar que "os símbolos recréanse
en todo acto concreto de falar e, por outro lado, todo acto lingüístico
presupón, tanto no falante coma no oínte, complexas
operacións de índole fundamentalmente cognoscitiva: individuar
un obxecto particular como pertencente a unha "clase"
(recoñecer que un obxecto cae baixo un concepto) e entender,
mediante o nome da clase, o mesmo obxecto particular, ou sexa: un
movemento cognoscitivo que vai do obxecto ao concepto, no falante,
e do concepto ao obxecto, no oínte".
Non só debemos coñecer perfectamente a nosa linguaxe, senón
recoñecer os símbolos que, dun xeito abondoso e continuo,
se inventan ao empregar o ordenador como medio de comunicación creando
o que poderíamos chamar unha paralinguaxe informática.
Cambio de significantes, novos símbolos
Estamos diante dun cambio de significantes e non tanto de significados.
Tal vez unha nova linguaxe, a linguaxe a través das máquinas, que
condiciona as nosas capacidades comunicativas na chamada Sociedade
da Información. A velocidade, a virtualidade, a non-presencia do
outro, a dixitalización do código, a codificación e descodificación,
a representación da realidade e outras moitas variables están reaxustando,
alterando, modificando o código lingüístico. Introducimos iconos
e imaxes, suprimimos letras e/ou sons, reconstruimos un novo código
combinando letras-signos-símbolos-imaxes para novos significados.
Non esquezamos que aparecen novas disciplinas como a lingüística
computacional, por mor da aplicación das posibilidades informáticas
na investigación lingüística.
Teremos en conta que moitas
das re-creacións da linguaxe se basean na dualidade de significados
que presentan algúns dos signos empregados: referentes explícitos
a datos ou interpretados subxectivamente dentro dun sistema de códigos
ideolóxicos e culturais. Estamos diante dun caso de concreción da
capacidade de abstracción do ser humano, pois "as palabras
que articulan a linguaxe humana son símbolos que evocan tamén representacións
e, polo tanto, levan á mente figuras, imaxes de cousas visibles
e que temos visto." (6)
Como exemplo desa re-creación da linguaxe na utilización do ordenador
como medio de comunicación, vexamos algúns recursos tipográficos
que con maior ou menor éxito se empregan na rede. Trátase
de pictogramas, ideogramas e abreviaturas que conforman todo un
sistema ou código paralingüístico e en parte supralingüístico, convencionalmente
admitido polos internautas.
| Pictogramas |
W X
altoparlantes
|
¯
música-son
|
correo
|
home-muller
|
| Ideogramas |
J L
estados de ánimo
|
:/)
eso non é divertido
|
:-X
son unha tumba
|
X-D
tronchado de risa
|
| Abreviaturas |
CUL
see you later*
|
XQ
"por qué"
|
niñ@
morfema xénero
|
F2F
face to face**
|
* vereite máis tarde ** cara a
cara
Está a ser todo un exercicio creativo de combinación asociativa
de imaxe-símbolo e palabra que nos leva con novos significados
a unha maior riqueza textual. Para Robyn Quin (7), "cada texto é un sistema de significado. Aínda
que os textos se serven de sistemas de significado existentes non
se limitan a utilizalos sin máis. O que acostuma a ocurrir é
que os textos, combinando elementos de varias maneiras, crean novos
significados. Se ben é certo que algúns textos son
máis innovadores que outros no seu uso da linguaxe, cada texto é
único porque nunca é exactamente igual ca outro."
Cuando o ordenador é usado como medio de comunicación, fundamentalmente
escribimos, pero a virtualidade do texto tan pronto o perdemos de
vista lévanos a dúas situacións a ter en conta:
escribimos con menos tempo para a reflexión e por conseguinte tratamos
de economizar a mecánica da escritura. Achegámonos ao que
sería un texto oral, pero sen a presencia do interlocutor. Non nos
podemos explicar, nin empregar xestos, e utilizamos no seu lugar
unha serie de símbolos e signos, que previamente teñen que
ser "acordados" para ser intelixibles. Aínda así,
os textos pódense presentar e/ou producir dun xeito fragmentario
e ofrecérsenos só como imaxes incomprensibles nos seus elementos.
Papel
do ensino
A educación será o grande
recurso que nos devolva o dominio sobrea nosa linguaxe e xa que
logo sobre o noso pensamento. Dicía o escritor mexicano Carlos Fuentes
que "hai que aprenderlle aos nenos e nenas a non deixar pasar
a imaxe dunha maneira irresponsable e salvarse da pasividade da
televisión e mailo internet no fogar. Aprender a velos como se ve
o cine ou a arte hoxe en día. E nese momento a televisión
e Internet van ter que cambiar se os productores saben que hai unha
mirada crítica sobre eles. Con Internet os nenos van ter máis información
e van ter que ser máis selectivos"(8). Efectivamente,
así o creo; pois, historicamente, a aparición dun medio de comunicación
novo nunca supuxo a desaparición do anterior. Incorporouno e asimilouno.
Poñamos tódolos medios e esforzos que cumpra para
que o ensino faga algo semellante e non trate de introducir aos
nenos/as nos medios telemáticos, informáticos,... sen antes aseguralos
na súa capacidade comunicativa e expresiva da linguaxe humana,
no emprego da palabra oral e escrita. Xa chegará o momento axeitado
de incorporalos aos novos medios, non dun modo mecánico e sumiso
senón capacitados para usalos crítica e creativamente.
____________________________________
(1)
GÓMEZ AQUILERA, Fernando (2000): "Pintar poesía, escribir
pintura", en Varios, "Ver las palabras, leer las formas",
Santiago, Centro Galego de Arte Contemporánea (p.82)
(2)
Nesta relación entre ordenador e ser humano, resulta clarificador
o apartado I.5.3 "Presencia versus representación",
del libro de ECHEVERRÍA, Javier (1999): "Los Señores del
aire: Telépolis y el Tercer Entorno", Barcelona, Destino,
(p. 64-70). O resto do capítulo é de sumo interese para clarificar
as diferencias entre a nosa realidade inmediata e a chamada realidade
virtual ou terceiro entorno, no que a nosa presencia
xa non é física (as moléculas deixan paso aos bits.)
(3)
VILLALBA, Darío (2000): "La palabra impresa. Carne viva
de telegrama" en Varios, "Ver las palabras, leer las
formas", Santiago, Centro Galego de Arte Contemporánea (p.50)
(4) BUSÓN, Carlos (1998): "Internet como recurso educativo
en un mundo globalizado" en R.Aparici / S. Osuna, "CD-ROM-Recursos.v.01"
do "Master Universtario de Nuevas Tecnologías de la Información
y la Comunicación" Madrid, UNED.
(5)
COSERIU, Eugenio (1977): "El hombre y su lenguaje",
Madrid, Gredos (p.75)
(6)
SARTORI, Giovanni (1998): "Homo videns. La sociedad teledirigida",
Madrid, Taurus, (p.45)
(7)
QUIN, Robyn (1998): "Aprender a mirar"
en R.Aparici / S. Osuna, "CD-ROM-Recursos.v.01" do
"Master Universtario de Nuevas Tecnologías de la Información
y la Comunicación" Madrid, UNED.
(8)
FUENTES, Carlos: "Internet, el escritor
y el Tercer mundo", declaracións a World Media Network.
www.brown.edu/Departaments/English/fuenbio.html
|