|
|
Efrén Vázquez
Introducción
Esta
páxina pretende ser un lugar de reflexión sobre a importancia da invención
da palabra escrita para a memoria dos pobos e mailo desenvolvemento
intelectual do home. Nun delicioso libro(1),
Umberto Eco narra brevemente a historia de "un rei que quixo
comprobar que lingua e idioma terían os nenos ó chegaren á
adolescencia de non teren podido falar xamais con ninguén. E
para iso deu ordes ás nodrizas para que deran leite aos nenos...
pero coa prohibición de lles falaren. Quería en realidade saber se falarían
a lingua hebrea, que foi a primeira, ou ben a grega, ou a latina, ou
a lingua árabe; ou se acabarían falando a lingua de seus propios pais,
de quen naceran. Pero afanouse en van, porque os nenos ou infantes morrían
todos."
É xa que logo a linguaxe, un seguro de vida dos homes sobre a
natureza e hoxe tamén fronte a ese mundo virtual que temos creado. A
dixitalización da información incrementa enormemente as posibilidades
de comunicación e memorización dos seres humanos, pero non debemos deixarnos
asombrar por tal feito. Hoxe, con máis forza se cabe, cando as máquinas
teñen a súa propia linguaxe, faise necesario sermos donos
da palabra.
Coa palabra o home ten transcendido a natureza, o pensamento inmediato,
e fixo posible compartir cos seus semellantes un mundo semántico complexo.
No só iso, senón que, agora que se sabe que o mapa do xenoma
humano nos iguala nunha altísima porcentaxe ao resto de seres vivos,
a diferencia hai que buscala na capacidade humana de abstraer, representar
e reconstruir a realidade no intelecto, para ser compartida e transmitida
aos seus semellantes.
Un pouco de historia
O
home na súa relación primaria coa natureza tense comunicado a
través do xesto e os sons, ao mesmo ca grande parte do mundo animal.
Logo eses sons fóronse facendo cada vez máis significativos a
medida que foi dominando o medio natural, conformando o seu entorno
e fixo da "urbe" o seu habitat. Foi entón cando, gracias
á palabra, o home foi quen de comunicar a súa existencia
a través da memoria e mailo coñecemento. Xa na antiga Grecia
o dramaturgo Esquilo puña en voz do seu heroe Prometeo estas
verbas "Escoitade o que fixen aos mortais: inventeilles o número,
aprendinlles a xuntar as letras, deilles a memoria, a nai das musas".
A comezos da Idade Moderna, a imprenta de Gütemberg revoluciona a escritura
facéndoa "de todos un pouco" e iniciando unha vertixinosa
evolución nos medios técnicos de impresión ata os actuais medios audiovisuais
e informáticos.
A
linguaxe humana
Hoxendía,
estase a falar de linguaxes (en plural) como sinónimo de expresión ou
capacidade expresiva do medio comunicativo que o emprega e do que se
lle fai acompañar (linguaxe televisiva, creativa, periodística, artística,
etcétera), cando basicamente todos eles requiren o uso e o coñecemento
dunha única linguaxe: a humana. Se ben en moitas de elas o significante
pode non ser a palabra, por exemplo a linguaxe das artes figurativas,
das emocións, das bandeiras, etcétera, a súa lectura ou
interpretación, a súa descodificación, faráse a través
da linguaxe que verdadeiramente caracteriza e identifica ao home como
animal simbólico e transcendente, é a linguaxe basada na palabra.
|
EMISOR
|
CÓDIGO
LINGÜÍSTICO
|
ADQUIRIDO
|
|
MENSAXE
|
CONVENCIONAL
|
|
ARTICULADO
|
|
RECEPTOR
|
SIMBÓLICO
|
É ben certo que a linguaxe humana (escrita ou falada) comporta
certas limitacións. Non sempre coñecemos, e ás
veces, nin temos a palabra precisa para expresármonos en cada
caso particular. Esa experiencia, ese pensamento, esa idea nunca será
semellante a outra, poderá gardar certa relación ou parecido con aquela
pero fará que recurramos ás simellanzas significante-significado
que coñezamos previamente; de non ser así, trataremos de inventar,
crear novos significantes aos que o contexto axudará a dar significado.
Coseriu (2) considera que "a creación é, logo, constante na
linguaxe: non caracteriza só o momento inicial dun símbolo (o momento
no que un novo modelo aparece por primeira vez na historia), senón
todo acto de falar."
A linguaxe escrita e a dixital
Hoxe estamos ante a maior
revolución da linguaxe humana: a súa conversión na linguaxe universal
das máquinas. O home ten acadado romper en parte os atrancos da distancia
e mailo tempo, coa creación de todo un mundo representacional da realidade
e que o profesor Javier Echeverría deu en chamar "terceiro entorno"(3).
O ser humano xa non se realiza só alí onde está presente e élle
posible liberarse de determinados límites impostos polas fronteiras
xeográficas, culturais e lingüísticas mediante a creación dun entorno
virtual baseado nos novos medios telemáticos que comparten unha única
e universal linguaxe, a das máquinas. Estaríamos moi preto do ideal
leibniciano dunha Característica Universal. En calquera lugar e momento
poderíamos expresarnos e recibir información en calquera das linguas
existentes, a través da codificación e descodificación desa linguaxe
universal das máquinas: a linguaxe dixital.
Queda
atrás a mentalidade "enciclopédica" do saber na que o ser
humano trata de acumular coñecemento. Hoxe ese coñecemento
"é o principal compoñente do desenvolvemento económico",
en palabras do Premio Nobel de Economía Herbert Simon. A dixitalización
da información e os medios telemáticos están permitindo o alcance case
instantáneo á información, o poder non consiste en tela senón
en verificala, validala e "desgraciadamente" utilizala como
mercadoría, como producto de consumo. O grande reto, ó
igual que selecionamos as palabras cando nos comunicamos, está en sabermos
peneirar, escoller, discernir a información que queremos. O ensino de
como utilizar os novos medios e saber "ler" o que se nos amosa
con actitude crítica e criterio selectivo está a ser o grande
reto da que se dá en chamar "sociedade da información".
O novelista norteamericano Ray Bradbury sinala que se debería primeiro
aprender aos nenos a ler e só cando o saiban facer ben xa poderán xogar
co ordenador.
¿Desaparecerá a escritura?
Estamos diante dunha morea de estímulos a través de imaxes, iconos,
sons, palabras, cores (aínda os medios no son quen de excitar
os outros sentidos: tacto, gusto e olfato), que farán xurdir en nós
sensacións, ideas, pensamentos que porán a proba a nosa capacidade
de abstracción. Neste senso, para o sociólogo francés Jean Baudrillard
(4) "con Internet
e as autoestradas da información, non só se pode falar dunha desaparición
da palabra interpersoal, senón tamén da desaparición da escritura".
O que desaparecerá para el é a escritura en tempo real, pois
esta require un alonxamento (alguén escribe e non sabe canto
tempo cumprirá para que sexa lido o seu escrito) que a capacidade
da rede de que sexa lido inmediatamente anularía. Esa simultaneidade
de que potencialmente un texto poida ser lido ao mesmo tempo que está
sendo escrito, en calquera lugar e/ou momento por calquera persoa, é
o que fará que a escritura se vexa alterada dando lugar a outra linguaxe,
pois o ordenador estanos a obrigar a pensar de outro xeito.
É
certo que o ordenador nos obriga a escribir "de outra forma"
a "outro ritmo" e que iso esixirá unha grande actividade creadora
de formas representacionais escritas ante novas realidades dun mundo
de bits, pero seguirán sendo signos, grafos ou grafemas que conformarán
palabras.
_____________________________
(1)
ECO, Umberto (1994): "La búsqueda de la lengua perfecta",
Barcelona, Editorial Crítica.
(2) COSERIU, E.(1977): "El
hombre y su lenguaje", Madrid, editorial Gredos. (p.75)
(3)
ECHEVERRÍA, Javier (1999): "Los señores del aire: Telépolis
y el Tercer Entorno", Barcelona, Ediciones Destino.
(4)
BAUDRILLARD, Jean: "¿Red, dónde está
tu victoria? en El País. World Media Network. http://www.uta.edu/english/apt/collab/baudweb.html
|
|
BIBLIOGRAFÍA
recomendada |
Neste
apartado reséñanse libros, propostos como interesantes, relacionados
coa linguaxe; estando aberta esta sección a cantas suxerencias
e aportacións de interese xustificado sobre o tema se fagan chegar.
BANDA, Mariano de la (2000): Escarfucios
y palabros. Madrid, Temas de Hoy.
CANALS, Cuca (1998): La hescritora.
Barcelona, Plaza y Janés.
FERRER, Eulalio (1994): El lenguaje de la publicidad.
México, Fondo de Cultura Económica.
MARINA, José Antonio (1997): Elogio y refutación del
ingenio. Barcelona, Anagrama.
MERINO, José María (1992): No soy un libro.
Madrid, Siruela.
MONTERROSO, Augusto (1998): La letra e.
Madrid, Alfaguara.
MOURILLE, Enrique (1997): Juego
y destrucción de la palabra. Santiago de Compostela, Eco
Franciscano.
PEREC, Georges (1997): El secuestro.
Barcelona, Anagrama.
VILCHES VIVANCOS, Fernando (1999): El
menosprecio de la lengua. El español en la prensa.
Madrid, Dykinson.
|